Saturday 27 de April de 2024

O Concello promove a música galega de vangarda co ciclo cultural VANGAL


Terá lugar entre os días 14 e 16 de abril na Fundación Luis Seoane e contará coa actuación de seis artistas galegas

O Concello da Coruña reforza a súa aposta pola música galega de vangarda coa realización do ciclo cultural VANGAL, un evento multidisciplinar que combinará actuacións musicais con coloquios e intervencións expositivas. A directora da Área de Cultura do Concello, Bettina Kohlhass, presentou o ciclo de ‘Vangarda Galega Alternativa’ xunto con Marcos Gendre, director do ciclo, que se levará a cabo entre os días 14 e 16 de abril na Fundación Luis Seoane. “Este é un importante encontro musical co que queremos poñer en valor a escena actual do folclore galego” explicou.

O ciclo VANGAL reunirá a seis artistas actuais do panorama do folclore galego. Fillas de Cassandra actuará na Luis Seoane xunto con Sheila Patricia, MounQup, Faia, Teresa Ferreiro e Laura LaMontagne e PicoAmperio. De forma paralela, a Fundación Luis Seoane contará coa exposición “Colección Autóctona” de Teresa Ferreiro, ademais de diferentes charlas das artistas convidadas. “O obxectivo é non só ofertar unha programación musical senón tamén unha programación cultural e divulgativa poñendo en valor esa ‘reforestación’ que está a vivir a música galega tradicional e tamén a cultura” sinalou Bettina Kohlhass.

Esta iniciativa súmase ás actividades culturais postas en marcha polo Goberno de Inés Rey como o ciclo de música WOMEX, a feira de World Music máis importante do mundo, que se levará a cabo por primeira vez na Coruña entre os días 25 e 29 de outubro deste ano. “Coa realización deste ciclo de Vangarda Galega Alternativa avanzamos na consolidación da Coruña como capital cultural do noroeste atlántico, apostando pola cultura nas súas diferentes formas e moi especialmente pola cultura galega” concluíu.

A entrada ás diferentes actuacións e actividades do ciclo é de balde ata completar a capacidade.